Wednesday 01 de May de 2024

David Chipperfield organiza un workshop de 5 semanas para analizar os retos aos que se enfronta o desenvolvemento da comarca


Os membros do taller foron recibidos hoxe no consistorio de Riveira

O prestixioso arquitecto británico David Chipperfield conxuntamente co seu estudo londinense está a organizar un taller que, baixo a denominación workshop Ría de Arousa, pretende realizar unha análise exhaustiva do noso territorio e os retos aos que se enfronta no seu desenvolvemento. Cinco serán os municipios obxecto deste estudo: Riveira, A Pobra, Porto do Son, Boiro e Rianxo..

De cinco semanas de duración, esta acción comezou onte coa chegada a Santa Uxía dos participantes (doce arquitectos ou estudantes vinculados coas escolas técnicas superiores da Coruña e Barcelona, ademais de persoal asistente do propio David Chipperfield Architects) e prolongarase ata o vindeiro 11 de xullo. Hoxe foron recibidos no Consistorio polo alcalde Manuel Ruiz, quen lles realizou un sucinto resumo da historia do noso municipio.

Amor por esta terra
Segundo explicou o coordinador da acción, Manuel Rodríguez López, esta é unha iniciativa persoal do propio Chipperfield como consecuencia do “amor que siente por esta tierra”, na que veranea dende hai un cuarto de século (en Corrubedo, onde ten a súa casa). O centro de operacións do taller estará situado nunha das plantas do mercado de Riveira e dende aí os seus membros desprazaranse polo territorio barbanzá para realizar visitas, dialogar e celebrar reunións cos distintos axentes locais que lles poidan axudar no seu cometido.

O que se pretende -explicou Manuel Rodríguez- é buscar como desenvolver este territorio e sacar partido aos seus potenciais baseándose en recursos propios e preservando ao mesmo tempo o entorno natural. Para tal fin efectuarán un estudo pormenorizado de cinto temas: patrimonio natural, patrimonio cultural, planeamento urbano, actividades económicas e sector turístico.

David Chipperfield estará presente na terceira semana (na que se efectuará unha primeira posta en común das investigacións realizadas) e na quinta, na que se pretende realizar unha exposición pública dos resultados e conclusións alcanzadas.

Pedra da Ra
A continuación da súa estancia no Concello, no transcurso do día de hoxe realizaron unha visita á conserveira Ignacio González Montes e coñeceron enclaves turísticos como o miradoiro de Pedra da Ra (obxecto dunha recente actuación proxectada por Carlos Seoane que é candidata aos Premios FAD de Arquitectura e que está sendo exposta na Bienal de Venecia) e o Castro da Cidá.

Xa pola tarde, está previsto que os asistentes ao taller coñezan o funcionamento da lonxa actual e visiten tamén a nova infraestrutura deseñada por César Portela e Díaz y Díaz Arquitectos.

Nos próximos días establecerán igualmente primeiras tomas de contacto co resto de concellos participantes: Porto do Son, Rianxo, Boiro e A Pobra, co obxecto de familiarizarse co seu patrimonio natural e actividade económica.